Un libro es un fragmento de silencio en manos del lector.

Aquel que escribe calla.

Aquel que lee no rompe el silencio.

PASCAL QUIGNARD

Si quieres recibir información sobre nuestros títulos, suscríbete a nuestro boletín aquí.

  1. "Entrevista a Pere Gimferrer" · Luís Pousa (La Voz de Galicia) -
  2. 14 de Mayo de 2011
  1. Obra completa [ed. bilingüe], de
  2. Lois Pereiro

"Lois Pereiro es uno de los más importantes poetas peninsulares del siglo XX", afirma el escritor y académico de la RAE.
· · · 

Pere Gimferrer (Barcelona, 1945), poeta maior da literatura catalá e castelá, académico da RAE e agudo lector e crítico literario, asina o prólogo da edición bilingüe da obra completa de Lois Pereiro en Libros del Silencio, no que reivindica o papel modernizador da poesía do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

—Fai un apuntamento no seu limiar moi interesante sobre o feito de que, máis alá das caricaturas que se fan desde certos sectores sobre as linguas minoritarias, o galego e o catalán non só serven para escribir poesía sobre o pasado, o agrario, o telúrico....
 
—Nin a de Pereiro nin a doutros moitos. Hai a idea curiosa en certos falantes maioritarios, pero non só de castelán, de que as linguas minoritarias, aínda cando sexan antigas ou quizais precisamente por seren máis antigas, só serven para falar do terruño e pouco máis. E iso non é máis verdade destas linguas que de calquera outra. É o que apunto eu aí de pasada...

 —Si, e iso de que a poesía de Pereiro non queda aí, senón que conecta co universal e a modernidade.
—O caso de Pereiro, sen que como escritor se lle pareza en nada, sería semellante ao de Atxaga no caso do éuscaro. Sen que como escritores se parezan nada, polo menos na miña opinión, teñen algo en común: algo que non consiste en que as súas literaturas se parezan, senón que ambos son unha demostración mediante feitos de que nesta lingua, o galego ou o éuscaro, se pode escribir calquera cousa que en absoluto teña o carácter de algo remoto, aínda que poida ter algunha referencia mítica, que en ambos casos son moi, moi cosmopolitas. Cousas parecidas ocorreron no catalán, pero non vale a pena facer historia comparada das literaturas peninsulares, creo eu...

—¿E como cre que influíu na difusión da obra de Pereiro ese malditismo que o rodea?
 
—Diso hai que falar moi sinceramente e con toda claridade. En calquera literatura, calquera malditismo, non só o de Pereiro, senón calquera tipo de malditismo, ten unha repercusión. E diso podemos falar con coñecemento de causa. Non é indiferente, aínda que non engade valor á súa obra. En Cataluña e en catalán está moi lonxe de ser indiferente que Gabriel Ferrater, poeta moi importante, fora alcohólico e por riba, que se suicidase. Estas cousas, non nos enganemos, importan sempre. Como importa a vida peculiar que tivo Rimbaud.

—Tamén na súa obra plásmase boa parte da súa vida, da enfermidade, eses poemas últimos...
—Das dúas enfermidades que tivo, a primeira, por así dicilo, débese a un dos asuntos máis turbios da historia política española, o aceite de colza, que permanece como nunha especie de rexión de penumbra, fálase diso, pero parece que é un tema que está mal visto sacar á luz.

—Si, parece como se aínda hoxe fora unha vergonza falar desta enfermidade.
—Si, é unha cousa estraña, porque ademais é un problema exclusivamente español, a diferenza da sida, que é universal e ten outras características.

—Dentro das edicións e reedicións que se fixeron este ano chámame a atención a publicación destas obras completas en castelán...
—E tamén en galego...

—Si, esta edición bilingüe, que en certo modo sitúa a súa obra no panorama peninsular.
—Estou informado quizais incompletamente, pero creo que fóra dos poemas non todas as pezas son facilmente accesibles en galego, polo menos non no texto que se ofrece aquí. Pero o que coñezo ben é a obra poética, que non é curta precisamente.

Pois curiosamente cando se anunciou que se dedicaba o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro desde algúns sectores criticouse a decisión da Academia porque consideraban que era un autor menor.
—Un poeta menor depende de con quen o comparamos. Se o comparamos con Dante non o dubido, pero ¿cal é o termo de comparación? ¿Poeta menor con respecto a quen? Respecto de Dante desde logo que si, pero non creo que queiran dicir iso.

—Non, entendo que se referían á literatura galega.
—Na literatura galega, se Pereiro é menor, ¿quen sería na súa xeración o poeta maior a quen en teoría tería que facérselle máis caso que a el? ¿Hai alguén non digo mellor, digo igual a el ou superior a el en particular? Tampouco presumo de ter lido a todos os poetas galegos da xeración de Pereiro, pero paréceme un poeta moi destacado en todo caso...

—¿Estamos ante un dos grandes poetas peninsulares da segunda metade do século XX?
—Lois Pereiro é un dos poetas máis importantes, non só de Galicia, ou da lingua galega para ser exactos, senón da poesía escrita como mínimo nas linguas romances da península Ibérica. Sobre o éuscaro prefiro non opinar, pero hai que dicir que nas linguas romances da península Ibérica Lois Pereiro é un dos poetas máis importantes do século pasado... Un poeta menor, pois depende, a ver, se me din que Pereiro e calquera autor contemporáneo están por debaixo dos trobadores galegoportugueses medievais, pois seguro que si, pero creo que non queren dicir iso...

—Non. Pero case sempre que se anuncia o homenaxeado o Día das Letras Galegas hai unha certa polémica.
—Pero houbo moitos, eu recordo moitos, ¿e sempre dicían que era un autor menor?

—Non sempre, só cando o autor non é relativamente antigo.
 
—Eu recordo moitos, tampouco os teño todos na memoria, pero postos a dicir que son menores, creo que se podía dicir de todos ou de ningún. Repito: ¿menores respecto de quen? ¿Respecto dos medievais? Si, claro. Pero se non queren dicir iso ¿que queren dicir?, ¿menores respecto de Rosalía e Cunqueiro?

—Supoño que si.
—Pero é que era outra época histórica. Respecto da segunda metade do século XX ¿menor respecto de que poetas? ¿Respecto de Celso Emilio Ferreiro? Non mo parece, e iso que foi amigo meu e lle teño moita estima, pero non me parece que sexa inferior a Celso Emilio, por dicir un nome coñecido.

—Tamén hai debate sobre se é punk ou dandi. ¿Que opina?
—A min paréceme evidente que unha cousa non quita a outra. Existe claramente un dandismo do punk. Pódese ser punk sen deixar de ser dandi.

Descargar artículo en (.pdf)

Envía a un amigo


Aviso Legal

Libros del silencio

Castillejos 352, Bajo - 08025 Barcelona Tel: +34 | 934766919 - Fax: +34 | 934591026 - [email protected]