Un libro es un fragmento de silencio en manos del lector.

Aquel que escribe calla.

Aquel que lee no rompe el silencio.

PASCAL QUIGNARD

Si quieres recibir información sobre nuestros títulos, suscríbete a nuestro boletín aquí.

  1. "Un autor en dos idiomas" · Beatriz Pallas (La Voz de Galicia) -
  2. 14 de Mayo de 2011
  1. Obra completa [ed. bilingüe], de
  2. Lois Pereiro

La obra completa de Lois Pereiro en edición bilingüe da a conocer en el mercado en castellano a uno de los principales escritores de la segunda mitad del siglo XX.
· · · 

Para cambiar o curso dunha lingua e dunha literatura non fan falla unha morea de extensos volumes. Cun centenar de poemas, uns textos de prosa poética, unha novela inacabada e un dietario abondou para que Lois Pereiro se convertese no clásico contemporáneo do que falaba Manuel Rivas, o poeta da contracultura con versos cantados por grupos de rock ao que este ano se dedica o Día das Letras.

A súa obra completa, en verso e prosa, aparece recollida nunha edición bilingüe, en galego e castelán, publicada pola editorial barcelonesa Libros del Silencio con prólogo de Pere Gimferrer e introdución do irmán do poeta, Xosé Manuel Pereiro. O seu responsable, o editor galego afincado en Barcelona Gonzalo Canedo, resume os obxectivos desta antoloxía: «O primeiro é dalo a coñecer no mercado en castelán e situalo ao primeiro nivel da poesía española da segunda metade de século XX, á altura de Valente ou Gil de Biedma, aos que se asemella en calidade aínda que ten menos obra; o segundo é lograr que esta sexa a versión canónica da súa obra, de xeito que quede fixada ao 98 ou 99 por cento».

Non resultou doado recompilar a produción de Pereiro, que só publicou dous libros en vida: Poemas 1981-1991 e, tres anos despois, Poesía última de amor e enfermidade, aos que se suman os seus Poemas para unha loia. «Ao principio o proxecto ía recoller só poesía, pero me puxen en contacto co seu irmán e el me falou dos outros textos», explica Canedo. Así xurdiu a idea de incluír nesta antoloxía a novela «inacabada» Náufragos do paradiso, o ensaio Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia e a íntima testemuña literaria dos seus últimos meses de vida, Conversación ultramarina.

No caso deste último texto, un intercambio de mensaxes de índole persoal entre o autor e Piedad Cabo, esta edición «é fiel ao cen por cen ao que el escribiu, non se tocou nin unha coma, excepto erratas ortográficas moi claras», explica Canedo. «Cando un autor está morto hai que ser o máis fiel posible ao que el deixou escrito», engade este editor independente, que pensaba afrontar este proxecto en solitario e que finalmente contou co apoio, «non buscado, pero benvido», da Xunta de Galicia. Para Canedo, a altura poética de Pereiro reflíctese no feito de que, na tradución, os poemas se sosteñen fieis ao espírito co que foron concibidos. «O resultado é o mesmo en castelán ou en galego —explica Canedo—. Os auténticos poetas non perden nas traducións, conservan a súa linguaxe orixinal».

Da mesma opinión é o tradutor da obra, Daniel Salgado, quen asegura que a obra do autor monfortino non sofre ningunha alteración no seu paso ao castelán debido ao tipo de linguaxe que empregaba. «É unha linguaxe fría, precisa, exacta, unha poesía urbana cun léxico atravesado por referencias culturalistas europeas e contemporáneas », explica Salgado, para quen o uso de palabras cultas que comparten a súa forma en galego e castelán axuda a que a tradución non afecte ao resultado final. Para o tradutor, o máis complicado do proxecto foi o feito de que non existise unha edición fixada e corrixida da súa produción. «De acordo co seu irmán e co editor, decidiuse deixar os orixinais sen corrixir, solucionando tan só algunhas erratas evidentes», di.

UN FITO COMA ROSALÍA

A figura de Lois Pereiro contaba con moitos lastres na súa contra para recibir tan axiña a máis alta distinción das letras galegas: «Existe un canon de escritor e el non pertencía a el; estaba fóra dos círculos, non sabía promocionarse nin lle interesaba », explica o editor da obra completa. Pero contaba ao seu favor con razóns de máis peso que explican a decisión da Academia. «Pereiro foi un gran renovador da linguaxe galega e das formas —explica Canedo—. Do mesmo xeito que Rosalía de Castro transformou unha lingua oral e que só falaban os campesiños outra vez en lingua literaria, Lois Pereiro levou o galego ao século XXI, ao introducir a linguaxe da súa época».

A morte temperá e a brevidade da obra levou tamén a facer comparacións entre o homenaxeado e Manuel Antonio. «Manuel Antonio foi un renovador á altura de Curros e Pondal. Os dous últimos tratan temas máis populares, polo que sempre tiveron máis recoñecementos, pero Manoel Antonio e Lois Pereiro os superan», opina Canedo.

De non ser pola resolución da Academia Galega para celebrar a súa figura este 17 de maio, a obra de Pereiro non tería o eco que está a acadar. «A decisión foi sorprendente, porque estabamos afeitos a decisións de dinosauros, pero a Academia amosou que é un organismo vivo e que, por primeira vez, souberon converter en oficial algo que xa estaba recoñecido na rúa», apunta o editor.

Descargar artículo en (.pdf)

Envía a un amigo


Aviso Legal

Libros del silencio

Castillejos 352, Bajo - 08025 Barcelona Tel: +34 | 934766919 - Fax: +34 | 934591026 - [email protected]